Mércores, 08 de setembro de 2010 | Actualizado 03:54

Benvida

Benvidos á Web do Celtismo

Por: Rubén Herruzo
14.12.2009
O meu nome é Rubén Herruzo Silva. Son socio e accionista do R.C.Celta de Vigo dende fai mais de 10 anos. Descendente de socios dende os anos 40. A miña vida estivo sempre ligada ao club máis representativo da Galiza.
Rubén Herruzo.

 

Os meus amigos e ata a miña familia adoitan dicir que son do Madrid ou do Barcelona, ás veces ata antes que do Celta; eu véxoo como algo superficial, e pregúntome cómo poden sentirse orgullosos de equipos que non pertencen nin á súa propia cidade. Qué maior satisfacción que a de defender as cores da túa propia terra, pero eles nunca saberán ata onde pode chegar esa ledicia, porque viven nun estado de fantasía con equipos doutros "mundos". Din que teñen momentos nos que gozan gañando títulos, e non se dan conta que ese goce é ficticio.

Levo dende os 16 anos como coleccionista e historiador de todo o relacionado co R.C.Celta de Vigo. Esta web é froito da miña afección durante tantos anos, e valorado grazas á Agrupación de Antigos Xogadores do R.C.Celta de Vigo, e maiormente no seu presidente Paco Doblas.

Un día presentaronme ao presidente de devandita Agrupación, e éste demostroume un interese especial por todo o meu traballo ao longo de tantos anos, e de aí xurdiu a idea de crear esta web para que tódolos celtistas do mundo puidesen gozar do gran tesouro arqueolóxico que posúo sobre a historia do noso Celta. Tras 3 longos anos de duro traballo e algunha que outra decepción polo camiño, conseguimos facelo realidade, e hoxe todos podedes gozar del.

Agardo que esta paxina sexa diferente a tódalas xa existentes, sen menosprezar ás que xa están na rede, ofrecendo un punto de vista distinto, que esperte naqueles celtistas que abandoaron o barco fai tempo ese agarimo que polo noso club aínda levan dentro, e de novo retornen ás bancadas dun Balaidos falto de calor humano.

Gustaríame ver o estadio cheo, levando polo aire ao noso "celtiña" á vitoria final, que a xente esqueza os asubíos e as protestas ata o minuto 90, e que durante o encontro deixen a súa gorxa no campo dándoo todo por unhas cores que todos levamos no noso corazón. Pensar cando tedes un fillo pequeno e aínda sendo traste, sempre o arroupas e lle das o agarimo necesario para que siga adiante e vaia curtíndose coas probas da vida. O noso Celta é ese fillo, ao que non debemos dar as costas nestes intres, e debemos arroupalo para que senta o apoio da súa afección e poida saír adiante.

Os directivos van e veñen, os xogadores outro tanto do mesmo, pero o nome do pobo dos nosos antergos, as cores da bandeira galega e a cruz de Santiago Apóstolo no peito permanecerán para sempre. Xeracións de celtistas pasarán polas bancadas de Balaidos, e todos eles defenderán unhas cores con historia e tradición. Non deixemos morrer ao noso máis amado club nestes duros momentos da súa longa vida, e démoslle a calor necesaria para levalo onde merece. Ao Olimpo dos clubs.

Ala Celta!!!

Esta Web non está 100% completa, xa que son moitas as seccións nas que se está traballando, e outras nas que se están recopilando datos, así que non preocuparvos se nalgunha non atopades contidos. Calquera sección que atopedes agora baleira, en breve estará chea de datos, agardando que sexa do voso agrado, e aceptamos gustosamente calquera crítica para mellorar.

Se algún de vós coñece algún ex xogador de calquera época, ou aos seus familiares se éste xa non se atopa entre nós, gustaríanos contactar con eles e facerlles chegar esta Web para que teñan o seu recuncho aquí dentro. Calquera xogador que vestira a camiseta celeste merece ter a nosa lembranza.

Doutra banda, se vós tedes calquera tipo de material ou información que queirades compartir con toda a comunidade celtista, podedes facelo de dous modos diferentes: ou cedéndoo a esta web a través do seu administrador, ou facéndonos chegar unha copia dese material. Agradeceriamos que a resolución fora de 300p.p. para poder ofrecelo despois á maior calidade posible a través desta páxina. A dirección de envío: documentacion@historiadoceltadevigo.net

Agradecementos Especiais

Para facer realidade esta web, tiven que contactar con moitas persoas ao longo destes últimos 3 anos, grazas ás cales se me fixo un pouco máis doado o meu camiño ata aquí. Algunhas achegando material histórico e outras poñéndome en contacto con persoas que me puidesen axudar a conseguir eses datos que me faltaban. 

Agrupación de Antigos Xogadores do R.C.Celta de Vigo. Jorge Landin (fotógrafo), Oscar Vázquez (fotógrafo), Eugenio Álvarez (fotografo colaborador da web), Fernando Gallego (ex-director de deportes de Faro de Vigo e columnista da web), Antonio Arca (Novelista, autor do video Lendas do Celta e columnista da web), Xoan Adell (colaborador da web), Xesús López (Concellería de Cultura), Vitor Vaqueiro (Director do Arquivo Pacheco), Faro de Vigo (Hemeroteca), Pueblo Gallego (Hemeroteca), A Roda (Grupo de música), Jesús Albertos (vigoenfotos.com), Antón López (ex-megafonía de Balaidos), Antonio Estévez (columnista de Marca), Jaime Cros (escritor), Jorge Manuel Deza Rey (escritor) e Xabier Martinez Cobas (ex-director do R.C.Celta).

Tamén quero facer unha mención especial a miña familia, ao meu aboo xa falecido e a meu pai, por haberme inculcado esta forma de vida, ambos foron socios do Celta, e grazas a eles puiden adquirir co tempo o sentimento que hoxe teño polo meu equipo. Tamén á miña muller pola paciencia que tivo comigo nestes últimos anos, nos que estiben saturado de traballo para poder ofrecervos hoxe esta web en condicións. Espero non deixar ninguén polo camiño, pola contra, pedirlle desculpas, e intentar mencionalo canto antes.

Grazas a todos pola vosa axuda.

Benvidos a Web do Celtismo
comentarios
Historia do Celta de Vigo eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario, tamén se eliminarán todas as mensaxes que non teñan nada que ver co contido da noticia ou que busquen crear conflitos entre os usuarios. Calquera dúbida poderá ser enviada por email o administrador da web. Soamente poderán deixar comentarios aquelas persoas que teñen un usuario de Facebook. Grazas pola súa participaciún.