
R.C.Celta de Vigo
| Indice do artigo |
|---|
| 10-08-1923 Real Club Celta de Vigo |
| Dende 1923...o equipo de Galiza |
| Todas as páxinas |
10-08-1923, Real Club Celta de Vigo
Aquí faremos un repaso a súa historia, mencionando as datas e os acontecementos mais importantes acontecidos dende fai mais de 87 anos, polo equipo mais representativo e con mais seguidores do noso país.
Nome: R.C.Celta de Vigo S.A.D.
Data de Nacemento: 10-08-1923.
Campo: Estadio Municipal de Balaídos.
Cidade: Vigo.
País: Galiza (Estado Español).
Titulos: 6 Campionatos Galegos (1924, 1925, 1926, 1930, 1932 e 1934), 3 Campionatos de Segunda (1935/36, 1981/82 e 1991/92), 1 Campionato de Segunda B (1980/81), 1 Campionato de Terceira (1930/31), 1 Copa Intertoto 2000, 3 Subcampionatos de Copa de España (1908 (herdanza do Vigo Sporting), 1948, 1994 e 2001) e 2 Copa Galiza (2007 e 2008).
Fundación
O Real Club Celta de Vigo foi fundado o 10 de agosto de 1923, polos seus principais promotores, Hándicap, Pepe Bar e Juan Baliño, ao fusionar os dous clubs mais importantes da cidade de Vigo e do noso pais naquel momento: o Real Vigo Sporting Club e o Real Fortuna Football Club.
O nome do Real Club Celta nace nunha xuntanza entre socios do Vigo e do Fortuna nos salóns do cine Odeón. Estes deciden por unanimidade que o novo nome que debería levar o club que representara a todos os vigueses e galegos polo mundo adiante, sería o de "Celta", despois de que outros como Breogán ou Olímpico quedaran descartados.
Créase este club pola fusión do Vigo Sporting e do Fortuna. Únicos campións galegos ata o nacemento do Celta. O Real Vigo Sporting Club era o máis importante na cidade, xa que foi subcampión da Copa do Rei en 1908 contra o Real Madrid, e o que mais títulos de Campionatos Galegos tiña, 9.
A primeira Asemblea Xeral do Real Club Celta tivo lugar o 23 de agosto de 1923, e reuniuse nos locais da Federación Gremial de Patróns, ás dez da noite, elixíndose nela a seguinte Xunta Directiva:
Presidente: Excmo. Manuel Bárcena Sr.Conde de Torre Cedeira.
Vicepresidentes: D.Manuel R.Cadaval e D.Manuel Otero Bárcena.
Directores: D.Alejandro Molías, D.Guillermo de Oya e D.Rafael Tapias.
Secretario: D.Gaspar Barreras.
Vicesecretario: D.Josefino López Valeiras.
Tesoureiro: D.José Lago.
Vogais: D.Francisco Curbera Tapias, D.Julio Curbera, D.José Bar, D.Yoaquin de Miguel, D.Fernando de Castro e D.Ventura Lago.
Nesta reunión acordouse tamén constituír dous equipos, "vermello e azul", e efectuar a súa presentación ao público o máis axiña posible.Tamén se indicou a conveniencia do nomeamento dunha comisión, presidida por un dos directores, que se encargase de impulsar o atletismo, deporte básico para a formación física das futuras xeracións.
A presidencia anunciou que se facían xestións para, traer un adestrador estranxeiro. E aínda que os asembleístas oíron silenciosamente e, ao final, mostraron o seu entusiasmo polas declaracións do presidente da mesa de que o Celta contaba xa naqueles momentos con máis dun milleiro de asociados, o que constituía unha cifra xamais coñecida en ningunha sociedade deportiva viguesa, a verdade é que ese entusiasmo alcanzou proporcións xigantescas ao facerse público que ao redor das bandeiras do Celta, aínda orfas de mastros, agrupábase xa unha fulgurante lexión de xogadores, en número de 64, entre os que figuraban como de máis relevo os seguintes: Isidro, Lilo e Rubido (gardametas). Otero, Pasarín, Juanito Clemente, Daniel e Kaíto (defensas). Jacobo Torres, Balbino, Queralt, Hermida, Pombo, Cruces, Córdoba, Máximo e Bienvenido (medios). Reigosa, Chiarroni, Posada, Polo, Correa, Gerardito, Ramón González, Caride, Pinilla, Salvador, Chicha, Miguelito e Casal (dianteiros).
O R.C.Celta disputa os seus partidos como local no Estadio de Balaídos inaugurado en 1928. Antes durante 5 anos estivo xogando no campo de Coia, coñecido como "A Catedral".
Xogou 47 tempadas en Primeira División e ocupa a posición 10ª na clasificación histórica da Liga en tempadas en Primeira, empatado co Betis, e detrás de Athletic (80), Barcelona (80), Real Madrid (80), Valencia (78), Espanyol (78), Atlético de Madrid (76), Sevilla (67), Real Sociedad (65) e Zaragoza (58).
Entre os seus logros pódense destacar 4 subcampionatos de Copa do Rei, unha Copa Intertoto no ano 2000, 7 clasificacións para a Copa da UEFA, cinco delas de forma consecutiva. Tamén unha participación na UEFA Champións League na tempada 2003/04.
Actualmente xoga na Primeira División, logo de ascender na tempada 2011/12 tras un lustro na Segunda División. Lugar que lle corresponde por historia e tradición..
Dende 1923...o equipo de Galiza
Primeira División

O subcampionato logrado por un dos clubs fusionados debería permitirlle ao Celta participar na Primeira División (1928/29) no ano que se creou a Liga, pois o criterio para integrar a máxima categoría era ser campión ou subcampión da Copa de España, e naquela data só 10 clubs, incluído o Celta como herdeiro do Vigo Sporting, cumprían ese requisito.
Con todo, ao Celta negóuselle ese dereito e foi relegado a Segunda División.
O ansiado ascenso a 1ª División conseguiuse ao conquistar o título de Segunda na tempada 1935/36, sete anos despois de dar comezo a Liga por primeira vez.
O R.C.Celta de Vigo convertíase así no primeiro equipo galego en alcanzar a División de honra do fútbol español.
1940-1959, 18 anos na élite
Debido á suspensión das actividades deportivas por causa da Guerra Civil (1936-1939), o debut do Celta na máxima categoría viuse postergado á tempada 1939/40. Iniciouse así unha etapa dourada, con 19 anos de presenza case ininterrompida na élite, fóra da tempada 1944/45, que purgou na Segunda División.
Mellor Clasificación da História e Finalista de Copa

Na tempada 1947/48, e baixo a dirección do mítico gardameta Ricardo Zamora, o Celta logrou terminar a tempada en cuarta posición, no que sería a mellor clasificación do equipo olívico na Liga, xunto coa tempada 2002/03. Tamén tivo a súa rúbrica co subcampionato de Copa do Xeneralisimo, cuxa final disputouse no estadio madrileño de Chamartín o 4 de xullo de 1948 contra en Sevilla C.F., saíndo derrotado por 1-4.
Os Cinco Diaños Celestes
Na tempada 1949/50 o Celta a piques estivo de facer historia, proclamándose campión de Liga. A falta de 3 xornadas para o remate era líder da Liga, empatado a puntos co At. de Madrid.
Quedábanlle tres xornadas e dúas delas eran na casa. De maneira estrepitosa perdéronse as 3, contra Coruña e Real Sociedad en Vigo, e como visitante na casa do Barcelona.

Esa tempada seria unha das mais goleadoras da historia conseguindo 63 tantos, e a súa dianteira foi alcumada como "Os cinco diaños celestes" pola súa técnica e maxistral forma de rematar a porta por estes cinco fabulosos dianteiros: Atienza, Hermidita, Mekerle, Sobrado e Vázquez.
A maior goleada da historia en Primeira, conseguise en casa contra o Nastic, o que se lle endosou un 10-1.
Unha Década en Segunda División

O final desas dúas décadas de esplendor céltico, chegou co descenso na tempada 1958/59 a Segunda División.
O purgatorio da 2ª prolongouse durante dez anos, toda a década de 1960, pois a pesar de contar con varias oportunidades de ascenso (promocións contra Real Valladolid en 1960, Real Oviedo en 1961 e Sabadell en 1966), a fortuna resultoulle esquiva ata a tempada 1968/69, en que conseguiu por fin o regreso a Primeira.
Tamén cabe recordar que foi unha gran tempada non só polo ascenso, senón tamén pola súa participación na Copa, xa que chegaría a semifinais quedando eliminado polo Real Madrid.
Copa da UEFA

O Celta dos anos 70 volveu marcar fitos no fútbol galego. Logo dunha primeira tempada 1969/70 de reencontro coa categoría, o Celta de 1970/71, dirixido por Juanito Arza, un dos seus verdugos sevillistas na Final do 48, mantivo Balaídos invicto toda a tempada.
O equipo concluíu a Liga nun sexto lugar que lle permitiu clasificarse para a primeira edición da Copa da UEFA, no que representou a primeira participación dun equipo galego en competicións europeas.
A experiencia, con todo, foi efímera, ao non poder superar a primeira eliminatoria fronte ao Aberdeen escocés, un equipo duro e potente daquelas épocas.
O "Ascensor" e a Segunda B
A partir da tempada 1974/75 o Celta instalouse no ascensor, encadeando descensos e ascensos entre Primeira e Segunda. Tanta inestabilidade acabou por pasar factura, e ao descenso a 2ª da tempada 1978/79 sucedeulle a maior calamidade na historia do club: o descenso a Segunda B.
A boa tempada en Segunda B, e a seguinte en Segunda levaron ao equipo de novo a Primeira.
Pero voltarian a descender a tempada seguinte e así estiveron toda a década dos anos 80, subindo e baixando prácticamente todos os anos, por iso acabaron alcumando o equipo como o "Ascensor".
Ascenso, S.A.D., Final de Copa e Crise dos Avais
Houbo que esperar á tempada 1991/92 para recuperar o lugar en Primeira. O técnico vasco Txetxu Rojo construíu un equipo sólido que se alzou con solvencia co título de campión da Segunda División varias xornadas antes da conclusión da liga.
Conseguido o ascenso, o R.C.Celta enfrontouse naquelas datas a outro reto transcendental para o seu futuro: a conversión en S.A.D. Era preciso cubrir o capital social establecido polo Consello Superior de Deportes para manterse nas competicións profesionais. Finalmente, o celtismo respondeu aos chamamentos da directiva presidida por Ignacio Núñez e púidose liquidar ese trámite.

En 1994 viviuse a maior mobilización da historia do celtismo, co desprazamento a Madrid de mais de 25.000 siareiros con motivo da Final da Copa do Rei disputada o mércores 20 de abril de 1994 contra o Real Zaragoza.

Concluída a tempada 1994/95, Ignacio Núñez deixou paso na Presidencia a Horacio Gómez. A Lei do Deporte obrigaba aos equipos a presentar antes do 1 de agosto de 1995 uns avais como previsión de débedas aos clubs que se converteron en Sociedades anónimas deportivas en 1992. Por causas diversas, o Sevilla e o Celta de Vigo non puideron cumprir tales prazos, e foron descendidos administrativamente á Segunda División B.
Decenas de miles de afeccionados de ámbolos clubs botáronse á rúa repetidas veces para defender os intereses do seu equipo.
A pesar de que se solicitou un tempo de espera para a constatación da ausencia destes avais, a Federación dende un primeiro momento entregou as prazas a Valladolid e Albacete, que tiñan que descender ese ano.
Ao final, a presión das afeccións conseguiu facer retractarse á Federación e esta terminou admitindo aos 4 clubs en Primeira División, formando unha liga de 22 equipos que tivo dous anos de vida.
O Mellor Celta da História
O mellor Celta de tódolos tempos, nace da man de Javier Irureta, o adestrador vasco volveu meter despois de 27 anos ao R.C.Celta en Europa, clasificándoo para a Copa da UEFA despois de ocupar a 6ª praza.

A partir de aquí chegaron 5 tempadas de gloria, onde se puido ver en Balaídos o mellor fútbol do mundo. A cada tempada gloriosa en Primeira, lle precedía una clase maxistral en Europa. Ano tras ano, equipos da talla do Aston Villa, Liverpool, Benfica, Juventus, Estrella Roja, Stuttgart, Ajax entre outros eran varridos dos campos de fútbol pola "Maquina Celeste", como así se alcumou a ese equipo que dirixido por Victor Fernández fixo deleitar a tódolos siareiros galegos ao bo fútbol.

Na Liga, sempre se estivo loitando polo titulo, pero unas veces os erros arbitrais e outras a mala sorte, fixéronnos quedar ca mel nos beizos. Equipos como o Real Madrid o F.C.Barcelona, Valencia, Athletic ou o eterno rival, o Coruña, foron pisoteados en Balaídos e nos campos alleos con goles e clases de fútbol de outra galaxia.
No verán do ano 2000, o Celta tería que clasificarse para a Copa da UEFA xogando unha competición europea de menos nivel. A Copa Intertoto, torneo que clasificaba os gañadores para xogar directamente a Copa da UEFA. E que mellor participación, que a de conseguir un título europeo. O Celta eliminaria a todos os seus rivais e na Final xogada contra o Zenit de San Petesburgo a dobre partido, conseguiría proclamarse campión en Rusia.
En febreiro de 2001, o R.C.Celta foi galardoado, como o primeiro club galego de toda historia, en ser proclamado pola IFFHS (Federación Internacional de Historia y Estadística de Fútbol) o mellor club de fútbol do mundo.
Cando pensábamos que o destino nos agasallaría cun titulo ben merecido, levamos un dos paus mais grandes de toda a historia.

En xuño dese mesmo ano, volvía a disputar una Final de Copa, e novamente o seu rival sería o Real Zaragoza. Era una final moi desigualada, xa que o Celta era o equipo grande e o Zaragoza o pequeno. O estadio Olímpico de Sevilla contemplou a mais de 25.000 celtistas que se desprazaran dende toda Galiza e parte do estranxeiro. Os maños non chegaran nin as 15.000, una final que daban por perdida antes de xogala e nos todo o contrario, a tiñamos gañada dende Vigo, erro, grave erro que rematamos pagando.
Esa falta de mentalidade influíu en siareiros e xogadores, que fixeron perder a final por 3-1, nun partido que quedara gravado na memoria de todos os celtistas, xa que foi un pau moi difícil de dixerir.

Na tempada 2002/03 logrouse outro feito histórico ao clasificarse o equipo celeste para disputar a Liga de Campións, tras finalizar no cuarto posto na Liga.
Durante todos estes anos, vestiron a celeste grandes xogadores que quedaran nos anais da historia, xente como Makelele, Mazinho, Penev, Gudelj, Cáceres, Sánchez, Karpin, Gustavo López, Michel, BoBan, Mido, Cavallero, Revivo entre moitos outros, fixéronnos deleitar dun fútbol de privilexiados, que co paso dos anos lembraremos e transmitiremos os nosos fillos como un fútbol perfecto.

Pero por encima de todos estes xogadores, quedara o "Zar", o ruso, Alexander Mostovoi, un xogador único, cunha clase comparable a calquera grande da historia, que de non ser polo seu carácter conflitivo e de non vestir una camisola dos chamados "grandes", facilmente houbera sido un dos mellores do mundo.
Marchou igual que chegou, pola porta de atrás, un xogador que merecíao todo polo fútbol que deixou en Vigo, pero como persoa tamén deixou moito que desexar, frío e pouco implicado ca afección, tiña un carácter moi difícil de levar que soo os mais achegados comprendían.
Do ceo aos infernos

Na tempada 2003/04, una mala xestión, como se puido saber co tempo, fixeron que o Celta rematara cos seus ósos na Segunda División.
Segundo se intuía e se soubo mais tarde, os xogadores non tiñan os seus cobros o dia, e unha maneira de facer presión contra o presidente do Celta, Horacio Gómez, foi baixar o seu rendemento na Liga, mentres que na Champións League, ían sacando os seus partidos adiante, chegando a clasificarse para oitavos de final, onde quedarían apeados polo potente Arsenal inglés.
Pero eses resultados tan negativos en Liga, con goleadas escandalosas en Balaídos ante rivais como Real Sociedad, Español ou incluso Deportivo de La Coruña, fixeron cambalear todo o proxecto destes anos de gloria, e o equipo acabou descendendo na ultima xornada o perder na casa co Mallorca.
Ascenso, retorno a Europa e volta os Infernos

A tempada seguinte, moitos dos xogadores deixaron o equipo, e con xente da casa capitaneados por Borja Oubiña, e algún dos grandes xogadores que inda quedaban como Gustavo López, Giovanella ou Pinto, o Celta conseguiu volver a Primeira.
E como se dun lapsus se tratara, na tempada seguinte en Primeira, volveu a clasificarse para Copa da UEFA, algo que soamente podería pasar en "casa Celta", porque parecía que volviamos a ter un bo equipo e que o regreso a Europa volvía a manternos entre os mellores da Liga.
Pero non foi así, e na tempada 2006/07, mentres iamos avanzando en Europa, iamos dando una de cal e outra de area na Liga, conseguindo gañar en Riazor o no Bernabeu, e perdendo na casa con equipos mais inferiores. E así se chegou a ultima xornada que xa non dependíamos de nos mesmos, e inda que se conseguiu a vitoria, non foi suficiente e volveu tocar bagoas e desolación nun Balaídos repleto ata a bandeira.
O Pozo de Segunda e a Lei Concursal
Dende a tempada 2007/08, o Celta leva 4 anos, purgando pola Segunda, con mais pena que gloria. A directiva dirixida por Carlos Mouriño, non dan conseguido seguir co mesmo proxecto dúas tempadas seguidas, e con cambio de adestradores de seguido, a punto estivemos en dúas ocasión de mirarlle as orellas o lobo da Segunda B.
A todo isto temos que engadir a Lei Concursal, a que tivo que amarrase o Celta, pola débeda económica tan grande que tiña, e que viña precedida pola anterior directiva.
Nesta campaña que estamos 2010/11, parece que as cousas deron un cambio radical. O Celta ocupa postos de Ascenso, e o equipo desta tempada parece totalmente implicado. A aposta pola canteira de maneira obrigada polas débedas, e as fichaxes de xente contrastada como De Lucas, están facendo soñar de novo os celtistas.
Por agora inda e cedo, pero dende esta web esperamos poder trocar estas verbas por outras de Ascenso e de Primeira División, que serían o mais xusto para este equipo, que por historia merece estar onde lle corresponde, entre os grandes da Liga española. (Será modificado este texto en breve)
O Ascenso a Primeira ca Canteira
Despois dun lustro na segunda División e pasando por unha situación mais que complicada, o Celta de Vigo regresou a élite do fútbol no Estado Español.
